M'eu-mar por Xan Vieito
M'eu-mar é unha comunión entre o mar e o artista, entre o artista e o mar, a través do tempo e do coñecemento mutuo. O mar exprésase a miúdo de distintos xeitos, segun lle vai a vida. Durme, brinca, chora, rie, ama, berra, alporízase, ….ou reláxase pracidamente ó atardecer. Nos tempos longos, si é que o tempo existe, dálle tempo a facer fermosos traballos de deseño sobre vellas cunchas as que se lle escapou a vida, transformándoas e dándolles unha vida nova. Entre outros dalle tempo tamén a desenrolar fermosas esculturas xa sexa no fondo para disfrute dos seus seres queridos ou na costa, rachando ou polindo a rocha. Pero é nos tempos curtos, nos tempos das mareas, cando ó mar lle gusta conversar, cando manifesta a súa capacidade artística a quen sabe entendela, cando debuxa, pinta ou esculpe sobre a area ou sobre a rocha. Liñas, labirintos, nubes, árbores, inmensas fragas son o mesmo tempo xogos e anceios do mar. O único que pode facer o artista ante tanta marabilla e só extasiarse, facer a sua achega persoal e tentar amosarllo ó mundo. O mar cóntalle cousas ó artista i este cóntalle cousas ó mar. O vello caparazón dunha cuncha ou unha sinxela pedra sírvelles a ambos para acadar un diálogo agarimoso no que se entrelazan os sentires do mar e do home, no que ámbolos dous disfrutan, no que o mar é artista e o artista é mar. M-eu-mar é, en síntese, unha obra teatral en tres actos na que se amosa o camiño percorrido polos dous para acadar esta comunión artística. No acto primeiro o mar conversa co artista nos tempos curtos, decora o escenario con fermosos debuxos e baixorrelevos i entrégalle ó artista unha vella cuncha traballada a través do tempo. No acto segundo o artista dialoga co mar a través da cuncha ou dunha pedra dándolle vida a unha fábula, a un conto, a un poema. No acto terceiro a fábula, o conto, o poema volven ó mar i este sorrí de ledicia co agasallo. Péchase o pano…
M'eu-mar
riscando liñas na area
labirintos imposibles
camiñas co paseante
xogas con el a ser libre
engaiolas ao poeta
sometes ó mariñeiro
pintas estrelas douradas
nas longas noites de aceiro
es un rei encadeado
na túa peceira ilustre
con abismos insondables
con ondas de amor nos ubres
todos te escoitan meu mar
mais ninguén fala contigo
eu non souben que era mar
ata conversar... sentindo
os tempos curtos das augas
os tempos longos durmidos
contigo... eu mar... contigo